Saturday 21 de September de 2024

Unha trintena de veciños de Brión participa no espectáculo teatral “Catalina, Lino, Lina”


O Concello de Brión celebrou o Día das Bibliotecas cunha actuación a cargo do grupo “Glup, Glup Teatro”, que representou na sala infantil da biblioteca municipal a obra “Catalina, Lino, Lina”, un espectáculo teatral destinado a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 10 anos de idade. A representación reuniu a máis de trinta veciños, entre nenos e adultos acompañantes.

Os pequenos interactuaron activamente con Catalina durante a actividade, participando con interese nos contos e historias narrados pola rapaza que habita nos libros. Unhas divertidas historias que a protagonista compartiu cos máis pequenos e seus pais durante pouco máis de 45 minutos. O espectáculo estivo organizado polo Concello de Brión, a través da biblioteca municipal e baixo o patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.